Palexco

A preocupación polo cambio climático creceu fortemente nas dúas últimas décadas.

Cando decidimos facer unha sinxela contribución ao tema desde a realidade máis inmediata, lanzamos unha serie que titulamos “Lendas do século XXI”.

Algo así como unha visión de varios séculos despois, sobre algunhas cousas que xa estamos facendo moi mal agora, segundo lexións de científicos.

O recurso era sinxelo: imaxes do coñecido en contextos que poden converterse en reais se continuamos neste camiño.

Algunhas persoas chamáronnos para dicirnos que as imaxes lles causaban certa carga ou malestar e outras chamábanos alarmistas. Mesmo a pesar de que o breve texto que os acompañaba era moito máis romántico que científico.

Publicamos dúas imaxes en formato póster no 2004, coa Torre de Hércules como protagonista, aproveitando que tiñamos o modelo das nosas obras de Arqueoloxía.

Daquela chamábanlle quecemento global. O cambio climático é máis recente.

Uns meses despois recibimos a chamada do catedrático de Xeoloxía Juan Ramón Vidal Romaní porque tiña a intención de empregar unha das imaxes para a portada da súa conferencia inaugural do curso académico 2005-2006 na Universidade de Coruña.

Grazas a esta coincidencia e á sabedoría e coñecemento de Juan Ramón, comezamos a entender algunhas cousas e a saír dun descoñecemento no que estabamos algúns de nós, a pesar da iniciativa.

Na actualidade seguimos traballando no tema, pero se recibimos o apoio suficiente, é certo que remataremos de renovar algunhas propostas para poñer ao servizo do público algún instrumento que non sexa a mera contemplación.

Lendas do século XXI

Na antigüidade, cando non se coñecían nin as Traslacións nin as Transposicións nin as Imaxes Penetrantes nin conceptos como a Contragravidade, no vello planeta Terra, inda o tempo se comprendía e medía dun xeito lineal, en fraccións de maior ou menor tamaño.

Considerábase, por exemplo, como “un ano” o tempo que tardaba o planeta en xirar arredor do Sol e nesa mesma órbita xiraba a vida da xente. A volta do planeta sobre o seu eixo chamábase día e un día sucedía a outro sempre no mesmo sentido, non existían os Desprazamentos Temporais e si conceptos tan antigos como O Día e A Noite.

Isto provocaba nas persoas o chamado “envellecemento”; as Entidades eran descoñecidas e os conceptos de Vida e Morte rexían o planeta.

Antes dos Intercambios Interespaciais, inda nos séculos XXI e XXII a vida asemellábase máis ao Mundo Antigo que ao actual. Non foi ata finais do século XXIII daquela era, daquel xeito de entender o Universo, cando se acadou o acceso aos Niveis Superiores.

Esta é unha recompilación de mensaxes errantes, mensaxes recuperadas, mensaxes reparadas, mensaxes desinfectadas, mensaxes esquecidas nos vellos equipos, mensaxes en tránsito…

Lendas do século XXI.

De cando se medía o tempo

Mensaxe en tránsito, ano 2108

Procedencia: A Coruña – Galiza

Imaxe pertencente a unha mensaxe recuperada en 2108 que amosa un dos Tsunamis Xigantes, moi frecuentes na costa atlántica europea a finais do século XXI, chocando contra a Torre de Hércules en A Coruña (Galiza). Algúns historiadores actuais teñen identificado a imaxe espectral do fondo cun buque de guerra da batalla de Elviña, do ano 1809.

Mensaxe de rede do ano 2125

Procedencia: A Coruña – Galiza

Imaxe pertencente a unha mensaxe recuperada en 2125 que describe a Terceira Grande Marea na costa atlántica europea na segunda metade do século XXI. Vista da Torre de Hércules en A Coruña (Galiza) co derradeiro vial convencional construído, somerxido parcialmente, antes da construcción das coñecidas como Estradas Flotantes

Mensaxe de rede de 2124 procedente de A Coruña – Galiza

Imaxe pertencente a unha mensaxe recuperada en 2124 na que se aprecia a retirada total das augas no Castelo de Santo Antón, A Coruña, entre a terceira e a cuarta onda dun dos Tsunamis Xigantes que asolaron Europa no século XXI